Friday 17 de May de 2024

Títeres Alakrán estrea mañá venres en Brión “Os soños na gaiola”, baseada nos poemas de Manuel María e dirixida por Roi Vidal Ponte


Trátase dunha homenaxe ao poeta ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas e pretende achegarlles aos máis cativos o mundo rural da infancia do poeta chairego

O auditorio do Centro Social Polivalente de Brión acollerá mañá venres 1 de abril, ás 19:00 horas, a estrea da obra “Os soños na gaiola”, a cargo da compañía Títeres Alakrán. Unha peza de monicreques baseada nos poemas de Manuel María para un público infantil e familiar e que será dirixida por Roi Vidal Ponte. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

“Os soños na gaiola” é unha obra de monicreques de 50 minutos de duración que supón a homenaxe que Títeres Alakrán e o dramaturgo Roi Vidal lle queren facer ao poeta Manuel María no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas. O espectáculo déixase levar polo influxo de “Alicia no país das marabillas”, de Lewis Carrol, para ofrecer unha mirada nova sobre os poemas do libro “Os soños na gaiola” para lles achegar aos máis cativos o mundo rural da infancia do poeta chairego. Un mundo que á pequena Alicia, unha nena urbana da actualidade, lle resulta extraño, mais que acabará comprendendo e amando.

Dende Títeres Alakrán explican que “Os soños na gaiola” constitúe “unha proposta diferente de achegar a palabra poética de Manuel María, grazas aos recursos escénicos e dramatúrxicos que proporciona o teatro de títeres”. Unha peza que aborda a obra dun dos poetas galegos máis comprometidos coa nosa lingua e que fomenta a participación do público, potenciando a súa creatividade e poñendo en valor a Galicia rural e labrega, co obxectivo de transmitirlles aos máis novos a esencia das nosas tradicións.